Saturday 04 de May de 2024

Máis dun cento de autores e autoras participan na Feira do Libro da Coruña, que comeza este martes


A escritora e poeta Dores Tembrás será a encargada de dar o pregón a partir das 12.30 horas

Este martes, 1 de agosto, comezan as Festas de María Pita e, con elas, a súa tradicional Feira do Libro da Coruña e que neste 2023 será a súa edición número 52. Os Xardíns de Méndez Núñez seguirán a ser un dos espazos centrais das festas da cidade grazas a esta e outras feiras que se veñen programando durante o verán.

“Desde o Goberno de Inés Rey continuamos apostando polas nosas librarías un ano máis, facendo medrar esta feira con tanto arraigamento entre os coruñeses e coruñesas”, sinala Gonzalo Castro, concelleiro da área de Fomento e Promoción da Cidade. Nesta edición haberá 32 casetas, dúas máis que o ano pasado. Participarán un total de 13 librarías da cidade, nove librarías chegadas doutras cidades, nove editoriais e unha distribuidora de libros.

Desde mañá pasarán pola Feira do Libro da Coruña máis de 100 autores e autoras, que presentarán os seus libros ao público coruñés. Haberá dous espazos cubertos onde se levarán a cabo estas actividades todos os días. Na xornada inaugural dará o pregón, a partir das 12.30 horas, a escritora e poeta Dores Tembrás.

A Feira do Libro da Coruña estará nos Xardíns de Méndez Núñez ata o 10 de agosto, en horario de 11.00 a 14.00 e de 17.30 a 21.30 horas. Haberá un 10 % de desconto en todos os exemplares para os clientes.